A igualdade por bandeira!

igualdademngO 28 de xuño celebramos en todo o mundo o Día Internacional do Orgullo LGBTI. Esta xornada reivindicativa busca a consecución da liberdade afectivo-sexual de todas as persoas, sen discriminacións de ningún tipo por razón de orientación ou identidade sexual, fomentando o respecto e a tolerancia cara os demais. Unha loita pola dignificación do ser humano e pola igualdade real das persoas. Todas e todos nós somos libres e iguais.

Nesta data conmemoramos os disturbios de Stonewall, que tiveron lugar en Nova Iorque en 1969 e que marcan o punto de inflexión na loita polos dereitos civís das persoas homosexuais nos EUA iniciada na década anterior. A partires de aquí, a loita LGBTI adquire maior repercusión en todo o mundo e en 1970 celébranse as primeiras Marchas do Orgullo na cidade neoiorquina e en Los Ángeles.

O longo camiño de loita do movemento de liberación sexual iníciase coa eliminación das leis discriminatorias e despenalización da homosexualidade en moitos países do mundo. Nos últimos anos, céntrase na igualdade e extensión de dereitos civís do colectivo, como a aprobación de leis contra a homofobia e transfobia ou leis que garanten os tratamentos de cambio de sexo e de nome das persoas transexuais.

A aprobación do matrimonio igualitario e a legalización da adopción por parte das parellas do mesmo sexo é a conquista máis importante e de maior repercusión na sociedade. Os Países Baixos, sempre á vangarda na loita dos dereitos LGBTI, foi o primeiro estado en facelo no 2001. España, vai 10 anos, foi tamén dos primeiros en adoptar unha das lexislacións máis avanzadas neste eido. E nesta senda, cada vez máis países están a seguir este exemplo: Bélxica, Canadá, Sudáfrica, Noruega, Francia, Uruguai, Arxentina, Reino Unido, Irlanda… Este venres, os EUA tamén legalizan o matrimonio igualitario, nunha decisión histórica. Noutros, como Italia ou Alemaña, as súas lexislacións permiten as unións civís ás persoas do mesmo sexo, que aínda que insuficiente, son pasos positivos para a consecución da igualdade plena. Tamén hai que salientar, que a Unión Europea, que fai alarde de promoción da democracia e dos dereitos humanos, non lexisle sobre este tema.

Todos estes avances, débense a persoas que activamente loitan día a día por conseguir un mundo máis libre e igualitario. Grazas a persoas como Heinrich Hössli ou Károly Mária Kertbeny que iniciaron a loita no s. XVIII. Despois dos disturbios de Stonewall nace o movemento LGBTI propiamente dito, coa fundación da Fronte de Liberación Gay (Nova Iorque), sendo reemprazada pola Gay Activists Alliance. Pouco despois xurdiron organizacións similares no resto do mundo.

Na actualidade, diversas organizacións en todo o mundo loitan activamente polos dereitos LGBTI, continuando o traballo realizado. Son centos de miles as persoas que en todo o mundo traballan diariamente por facer desta unha sociedade máis tolerante. Persoas como Pedro Zerolo, que deixou un importante legado en España e que simboliza o activismo LGBTI no país. Estas persoas e organizacións traballan, entre outras cuestións, por darlle visibilidade e normalizar a homosexualidade. Grandes persoeiros da historia eran homosexuais, como Alexandre Magno, Sócrates, Leonardo da Vinci, Hans Christian Anderssen, Oscar Wilde, Virginia Wolf, Eduardo Blanco Amor, Alan Turing, Marcela e Elisa, Federico García Lorca, Harvey Milk… Tamén grandes personalidades de todos os ámbitos da sociedade, da cultura, do deporte, da política, da ciencia, “saíron do armario” e mostran publicamente a súa homosexualidade: Tom Daley, Ellen DeGeneres, Conchita Wurst, Helle Thorning-Schmidt, Miquel Iceta, Fernando Grande Marlaska, Jesús Vázquez, Iolanda Castaño… con este pequeno xesto axudan a toda a comunidade LGBTI.

Sen embargo, a pesar de todo este esforzo, aínda queda moito por facer. Aínda hai moitos lugares onde os homosexuais son perseguidos e duramente reprimidos, como Irán, Afganistán ou Uganda, onde se enfrontan ao ostracismo e ao asasinato. Incluso, actualmente, asistimos a un proceso involucionista en diversos lugares do planeta, onde as persoas LGBTI perden dereitos outrora asentados na sociedade, coma en Rusia, onde o goberno aproba leis que prohiben a visibilización de condutas homosexuais na publicidade e incitan á sociedade á persecución, acoso e humillación das persoas homosexuais, sen que as autoridades fagan nada por evitalo.

Tamén en España, un dos países con maior tolerancia e respecto pola diversidade afectivo-sexual, foi polémica a aprobación do matrimonio igualitario, onde os partidos da dereita, a Igrexa Católica e as organizacións afíns, como Foro de la Familia, se puxeron en contra da lei. Sectores da sociedade que aínda hoxe anhelan a supresión desta importante conquista. O Partido Popular amagou con derrogar esta lei á súa chegada ao poder en 2011, goberno popular que se nega a incluír no sistema educativo a educación na diversidade, a través da súa retrógrada reforma educativa.

A Mocidade Nacionalista Galega fai da causa LGBTI a súa bandeira. Defende a liberdade afectivo-sexual de todas as persoas, mulleres e homes, de forma plena. A MNG fai da igualdade sen discriminacións por razón de orientación ou identidade sexual un obxectivo irrenunciable a acadar.

Cada home, cada muller, libremente, pode amar, sentir, bicar, dar apertas… vivir con outra persoa, sexa home ou muller. Aquela con que ten un feeling especial, un amigo ou amiga, que xuntos, forman un ente único no universo. Defendemos que cada un de nós poidamos gozar da vida, con quen máis nos guste, con quen máis nos apeteza, con quen nos sintamos máis cómodos. Ben sexa unha muller ou un home, independentemente que sexamos un home ou unha muller.

Na MNG facemos bandeira de que cada un de nós poida arrimarse, arrexuntarse, coa persoa coa que temos un aquel. Na MNG queremos facer o amor libremente.