10897756_10205517658838926_3333218989877419816_nOutra vez nos atopamos ante unha cita electoral, desta volta, as eleccións municipais, que renovará as corporacións locais e marcará o futuro dos gobernos máis próximos á cidadanía. E mentres algunhas persoas traballan día a día para pedirnos o voto, outras “pasan” do espectáculo no que se converteron as campañas electorais; e outras preferimos centrarnos en analizar a realidade. E é aquí cando me asalta a seguinte pregunta: temos un sistema electoral que merecemos?

O debate sobre unha posible reforma electoral non é nada novo. Moito se ten escrito e debatido sobre este tema, con ideas e propostas de todas as procedencias e de todas as cores. A longa crise que vivimos non fai máis que axudar a esta conxuntura, ao poñelo todo en dúbida e facernos reformular a situación actual.

Nestes días ten lugar o cuarto aniversario do movemento 15M, aquel movemento cidadán que lle plantou cara á clase política e que puxo no punto de mira, entre outras, a reforma electoral.

Sen embargo, foi Alberto Núñez Feijóo quen propuxo a reforma máis polémica das presentadas en Galicia. Con ela, o presidente do Goberno galego pretende (e dígoo en presente, pois aínda pretende levala adiante) reducir de 75 a 61 escanos o Parlamento de Galicia, coa escusa de aforrarlle cartos á administración galega. Pero que non nos enganen, isto non é un recorte económico, é un recorte á democracia en toda regra.

Como era de esperar, todos os partidos desmarcáronse deste pucheirazo, e os que máis, fixeron públicas as súas propias propostas, coa dobre finalidade de aforrar cartos e de mellorar a calidade democrática do sistema, é o caso de Compromiso.

O certo é que a recesión económica está deixando as vergoñas ao aire, e móstranos con crueza as deficiencias do actual sistema político galego. O sistema electoral, como peza chave no funcionamento de toda democracia que se prece, non é menos e precisa de reformas profundas urxentes. O diagnóstico é claro e contundente: a forma de escolla das/os nosas/os políticas/os non é válida. Ao meu parecer, as fallas máis importantes do sistema son as seguintes:

  • Falta de proporcionalidade e modificación da vontade popular, pois as porcentaxes de voto e de escanos obtidos non se corresponden.

  • Estrutura anacrónica, ao basearse nas provincias como circunscricións básicas.

  • Desligamento entre o/a representante e o/a representado/a, debido a que a inclusión da primeira persoa nas listas depende da cúpula do seu partido.

  • Diferente valor do voto da cidadanía, en función do seu lugar de residencia ou a orientación do seu voto, pois, debido ao reparto de escanos por circunscricións, o voto dunha persoa de Lugo vale case o dobre (coa reforma de Feijóo incluso máis) que o doutra da Coruña; e a lei D’Hont favorece aos partidos máis votados.

  • Desigualdade na concorrencia, pois os partidos do sistema están favorecidos (subvencións, carencia de requisitos adicionais, maiores espazos de propaganda nos diferentes medios…)

  • Non favorece a participación cidadá, máis alá do propio acto de votar, nin propicia a xeración de debates na cidadanía, dando lugar a campañas estériles e sen contido.

Estas deficiencias son causa, entre outras, da actual desafección política da cidadanía, en xeral, e da mocidade, en particular, do distanciamento da clase dirixente co pobo ao que representa e favorece prácticas que priman os intereses particulares sobre os intereses xerais da sociedade (caciquismo, clientelismo, tráfico de influencias, corrupción…) Ademais, a actual configuración do sistema fornece o statu quo, de tal xeito que calquera posibilidade real de modificación se vexa truncada pola falta de vontade dos principais partidos. Por que? Porque son os máis favorecidos por este réxime electoral.

E concretamente, cales son as características da arquitectura electoral máis axeitada para o país? Na miña opinión, son as seguintes:

  • Circunscrición única. Deste xeito, o voto dunha persoa ten o mesmo valor que o voto doutra, sexa de Vimianzo, Viveiro, Baiona ou Compostela.

  • Fórmula electoral proporcional pura, sen barreira de entrada nin presentación de avais. Así, a porcentaxe de votos é similar á porcentaxe de escanos obtidos no hemiciclo, tendo en conta, xunto cos votos obtidos polos partidos, o voto en branco. Isto é fundamental, pois o parlamento debe reflexar fielmente a diversidade da cidadanía. A barreira de entrada no parlamento (que en Galicia se sitúa no 5%) e a presentación de avais para aquelas candidaturas extraparlamentares (coma no caso das Eleccións Xerais españolas) reducen a competitividade e a concorrencia das eleccións e protexen o statu quo.

  • Listas abertas e brancas. A cidadanía escolle ao/s candidato/s da listaxe da súa preferencia, listaxe que estaría limpa de políticas/os con antecedentes penais e implicadas/os en casos de corrupción.

  • Organismo regulador independente. O seu papel non se limitaría só á arbitraxe de todo o proceso electoral, senón que tamén se encargaría das cuestións organizativas, garantíndose a total independencia do goberno en todo o proceso. Evitaríanse así casos como que o de Alfonso Rueda nas Eleccións Galegas 2012, que era conselleiro responsable da organización dos comicios e xefe de campaña do gobernante Partido Popular, ou de Alfredo P. Rubalcaba, ministro responsable da organización das Eleccións Xerais españolas 2011 e candidato á presidencia do goberno.

  • Campañas xustas e equitativas, límite de gasto e redución das subvencións aos partidos. Limitarase por lei o gasto dos partidos, pois coa aplicación das novas tecnoloxías, o emprego das RRSS e cuns medios de comunicación de masas plenamente desenvolvidos, xa non ten sentido un gasto elevado nas campañas electorais; eliminación das subvencións destinadas á práctica do mailing; prohibición de impresión de papeletas por parte dos partidos; igualdade de trato informativo de tódalas candidaturas nos medios de comunicación, tanto estatais como nacionais, con especial incidencia nos medios de titularidade pública; debates electorais obrigatorios (estilo USA, e non os encorsetados e pactados que se celebran en España), alomenos nos medios públicos; redución das subvencións a partidos políticos e fundacións afíns.

A reforma electoral é chave para devolverlle a política á cidadanía, pero a reforma debe xurdir dun profundo debate onde impere a razón e o interese xeral e non o particular. Un sistema electoral de calidade é básico nunha democracia avanzada e motor de maior prosperidade e benestar dun país. Actualmente asistimos con estupor a un espectáculo onde vemos que literalmente estamos gobernadas/os por simios. A nosa clase política é tan incompetente que é incapaz de resolver os acuciantes problemas do país. Isto non se resolve unicamente cunha reforma electoral, pero dende logo, é fundamental para dotarmos dun entramado político eficaz, eficiente e de calidade.